
Dispoñible para a descarga o póster conmemorativo As lendas do río das Pedras
Nesta fin de semana desenvolveuse a terceira edición das xornadas A Pobra do Caramiñal no Tempo, que se artellan en torno a tres eixos: coloquios, visita e ilustración.
O sábado 28 estivo dedicado ás conferencias, con catro en total. Unha vez concluído o acto, o público recibiu o póster conmemorativo desta edición. Trátase dunha recreación dun conxunto de lendas vinculadas ao río das Pedras, elaborado por un dos ilustradores galegos máis recoñecidos, Miguel Robledo, co asesoramento e textos de Manuel Gago.
As persoas que non tiveron a ocasión de asistir poden descargalo para ter a súa versión dixital ou recoller de balde unha copia na biblioteca municipal Victoriano García Martí.
Segundo manifesta o xornalista Manuel Gago, tamén impulsor deste evento xunto con José Carlos Vidal, “o río das Pedras e os seus afluentes, o Misarela e o Barbanza, son as veas da memoria oral da Pobra do Caramiñal. Na escasa lonxitude que leva desde a ría da Arousa ata o corazón da serra do Barbanza, o río reúne numerosos elementos do patrimonio cultural pobrense, tanto material -cruceiros, pasais, conventos, muíños, eremitorios, pontes, petróglifos, centrais hidroeléctricas, aldeas- como inmaterial, a través de numerosas lendas. Pero o río das Pedras é algo máis. Para as últimas xeracións de pobrenses, o río xa non é o antigo lugar dos traballos agrarios, senón da descuberta da vida e da natureza na infancia e na primeira mocidade. O vello río garda o recordo dos primeiros amores e das amizades máis vivas. Así, as antigas lendas mestúranse coa nosa memoria persoal. Esta ilustración a cargo de Miguel Robledo, un dos mellores artistas gráficos do país, quere honrar ese territorio e contribuír a que ese legado inmemorial continúe por moitas xeracións máis.”
Por outra banda, estas xornadas incluíron unha visita, no domingo 29, á igrexa de Santa Cruz de Lesón, o cruceiro de San Amaro, A Aldea Vella, o mosteiro de San Xoán da Misarela, a barca de San Amaro e a capela da Virxe do Monte.