Acométense labores de limpeza no leito do río da Xunqueira
No mércores 2 iniciáronse os traballos de limpeza do leito no tramo do río Morto (antes da estrada) e do río da Xunqueira (dende a estrada xeral cara ao CEP Salustiano Rey Eiras). Ata o lugar desprazáronse na mañá do xoves 3 o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e maila concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos (Nós Pobra).
A edil explicou que as tarefas terán continuidade nos vindeiros días e inclúen a limpeza de vexetación que invadía o leito do río, así como a xestión dos residuos vexetais que, nalgúns casos, son alóctonos, polo cal “hai que xestionalos da maneira adecuada.” A empresa que está realizando estes labores é Tragsa, por un importe de 15 415 euros con cargo ós orzamentos municipais.
Na súa intervención, o rexedor manifestou que se trata dunha zona recoñecida como ARI (área de risco de inundacións). Así mesmo, engadiu que a colmatación, é dicir, o depósito de sedimentos que se produce ano tras ano, favorece o crecemento da vexetación e dificulta o paso da auga, razón pola cal resultou preciso realiza-la referida intervención para garanti-la seguridade da cidadanía ante o perigo de asolagamentos. Tamén apuntou a que se valora, de cara a anos vindeiros, a posibilidade de retirar tamén o sedimento para mellora-la evacuación da auga fluvial. Ademais, o mandatario local sinalou que a actuación no acceso ó centro educativo procurou facerse coa maior dilixencia posíbel, mais expresou desculpas polas molestias ocasionadas.