Posta en escena de dúas novas pezas teatrais no Elma
A vindeira semana comézanse a representar no Elma as pezas teatrais dirixidas ao público infantil e familiar adscritas ao Nadal Cultural. Baobab Teatro representará Puño Puñete no martes 22, ás 18.30 horas. Este espectáculo aposta por unha forte poética e tamén por promove-la lingua galega. Unha viaxe a través das palabras e da música, rescatando ditos populares, refráns, poemas, lerias e enredos.
Ademais, no mércores 23, ás 18.30 horas, Fantoches Baj presentará Os golfiños e o xigante. Trátase dun espectáculo de sombras chinesas que narra unha historia real extraída dunha nova que se fixo eco na prensa internacional.
Estas citas enmárcanse na programación teatral para esta tempada do outono/inverno organizada pola Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña. A entrada é de balde e as actividades transcorrerán seguindo as medidas implantadas por mor da COVID-19, polo cal as persoas interesadas en asistir deben face-la súa reserva na casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler ou a través do teléfono de contacto 981831545.