O Club Remo Puebla entrega ao Concello un maillot asinado polos remeiros
O Concello da Pobra do Caramiñal recibiu neste mesmo día como agasallo por parte do Club Remo Puebla un maillot de campión da Liga Galega de Traiñeiras Liga B 2020 asinado polos 21 remeiros do equipo. Cómpre lembrar que gañaron a primeira liga da historia do referido club e os seis maillots acadados neste ano están sendo repartidos entre as empresas patrocinadoras. Decidiron destinar un á Administración local polo apoio amosado á entidade deportiva.
O encargado de face-la entrega foi Adrián González, remeiro e directivo do club, coa asistencia de membros da corporación municipal; entre eles, o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e a concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo (Nós Pobra).