O Concello da Pobra convoca un proceso selectivo para formar unha bolsa de emprego para técnica/técnico de museo
Unha vez aprobadas as bases reguladoras que rexerán o proceso selectivo para a formación dunha bolsa de emprego para técnica/técnico de museo, o Concello da Pobra do Caramiñal procede a convoca-las probas selectivas mediante un concurso-oposición para a cobertura en réxime laboral temporal do posto indicado para as funcións de atención ó público no Museo Valle-Inclán, así como a colaboración e asistencia na elaboración e execución de actividades puntuais da institución museística que poidan xurdir.
As persoas aspirantes deberán cumprir unha serie de requisitos mínimos, entre eles, estar en posesión, ou en condición de obtelo na data de remate do prazo de presentación de instancias, do título universitario ou o equivalente requirido segundo o espazo europeo de educación superior, con formación académica nalgunha das materias que se relacionan coa especialidade do campo á cal se opta: grao en Historia, Historia da Arte, ou o antigo nivel de licenciatura en Historia, ou Historia da Arte, ou Museoloxía.
O prazo de presentación de instancias será de dez días hábiles contados dende o seguinte ó da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP), neste luns 22, se ben o texto íntegro das bases reguladoras das probas selectivas xa está no taboleiro de anuncios do Concello e na súa sede electrónica. Para tomar parte na selección, as persoas interesadas deberán solicita-la súa participación mediante a instancia que se recolle no anexo II das referidas bases, dirixida ó alcalde. Xunto coa solicitude débense achega-las fotocopias dos documentos xustificativos de cumpri-los requisitos de participación e os que acrediten os méritos alegados para a fase do concurso de méritos. Toda a información detallada está á disposición nas canles xa referidas.