O Concello da Pobra convoca un proceso selectivo para formar unha bolsa de emprego para persoal de mantemento
Unha vez aprobadas as bases reguladoras que rexerán o proceso selectivo para a formación dunha bolsa de emprego para a contratación de persoal de mantemento, o Concello da Pobra do Caramiñal efectúa a convocatoria das probas selectivas mediante un concurso-oposición para a cobertura temporal de postos das brigadas e obras de mantemento. Concretamente, os postos de traballo ofertados son os de operaria/operario de servizos varios, operaria/operario de limpeza viaria e espazos naturais, operaria/o de xardíns, electricista e condutor/a.
As persoas aspirantes deberán reunir unha serie de requisitos, referidos á data en que remate o prazo de presentación de instancias, ademais dos de carácter especial en función do posto a que se opte. No caso de contratos realizados dentro do programa PEL-Concellos da Deputación da Coruña tamén resultará preciso cumprir unhas condicións específicas.
As persoas interesadas deberán solicita-la súa participación mediante unha instancia dirixida ó alcalde, conforme o modelo que consta no anexo I, segundo corresponda, das mencionadas bases. De quereren tamén optar ós contratos subvencionados pola institución provincial, tan só deberán marcalo no escrito.
As solicitudes presentaranse a través da sede electrónica municipal ou no rexistro xeral de entrada do Concello da Pobra do Caramiñal, en horario de 08.00 a 14.00 horas, no prazo de 10 días hábiles que se contarán a partir do seguinte ó da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP), neste xoves 25. Se optaren por presenta-la solicitude nunha oficina de Correos, farano nun sobre aberto para que a instancia sexa datada e selada pola funcionaria/o de Correos antes de ser certificada. Neste caso e cando se presente a instancia noutro rexistro público diferente ó da Administración local pobrense, as persoas solicitantes, antes de remata-lo prazo de presentación de solicitudes, deberán remitir unha copia escaneada da instancia debidamente selada ou rexistrada ó enderezo electrónico rexistro@apobra.gal. Xunto coa solicitude débense achega-las copias simples dos documentos indicados nas bases. Toda a información detallada está á disposición no taboleiro de anuncios do Concello e na referida sede electrónica.