A Pobra acolleu diversas actividades polo Día Internacional da Muller
Con motivo do Día Internacional da Muller neste 8 de marzo, o municipio pobrense foi escenario dunha caravana feminista. O circuíto iniciouse ás 20.00 horas no paseo dos Areos para continuar pola rúa da Ponte, rúa Gasset, rúa da Paz, rúa Díaz de Rábago e rúa Anxo Rey Ballesteros. Concluíu no aparcadoiro do recheo, onde se levou a cabo a lectura do manifesto e diversos textos por parte de concelleiras da corporación municipal. As persoas asistentes permaneceron no interior dos seus vehículos co obxectivo de respecta-las medidas estabelecidas por mor da COVID-19. Contouse coa colaboración da Policía local e das persoas voluntarias da Protección Civil.
Así mesmo, xa na semana pasada botou a andar unha manifestación virtual mediante a colocación na fiestra ou no balcón dunha pancarta ou mandil, a publicación das fotos nas redes sociais e etiquetando a Concellería Igualdade A Pobra e cinco amizades coa finalidade de difundi-la mensaxe.
Por outra banda, gran parte das actividades configuráronse para os centros do ensino, pois o lema escolleito para este ano foi “A igualdade comeza pola educación” para incidir na importancia de ensina-la igualdade dende idades temperás.
Cómpre indicar que as accións focalizadas no ámbito educativo se atopan financiadas polo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e polo Ministerio da Igualdade. Ademais, a Administración local adheriuse á campaña OitoM, Moito por cambiar, da Deputación da Coruña.