
Tres novas temáticas centran a cuarta edición de Camiños de Coñecemento e Experiencia na Pobra
O programa de democratización do coñecemento da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Camiños de Coñecemento e Experiencia achega por cuarto ano consecutivo unha atractiva oferta formativa á veciñanza maior de 50 anos da Pobra do Caramiñal. O alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE); e a técnica municipal desta área, Fita Sanisidro, debullaron o contido desta proposta.
O programa transcorrerá no mes de abril e focalizarase nas temáticas do patrimonio industrial, da música clásica galega e da astronomía. Cada unha delas constará dunha sesión teórica e outra práctica a cargo de persoal docente vencellado a este proxecto.
Así, no 19 de abril terá lugar o seminario Revisando a historia dende unha perspectiva local (II): o patrimonio industrial e as memorias da experiencia laboral no estudo da modernización das vilas costeiras de Galicia nos séculos XIX e XX da man de Raúl Soutelo Vázquez e José Manuel Vázquez Lijó. Volverán no día 26 cunha visita ao Museo Anfaco da Conserva, en Vigo.
No día 21 será a quenda de Laura Touriñán Morandeira co seminario Marcial del Adalid y Gurrea (1826-1881). Un capítulo único da nosa Historia de Galicia e da nosa Historia da Música Clásica Galega. Na xornada seguinte realizarase a parte práctica.
José Ramón González Romay será o encargado de imparti-lo coloquio O sistema solar e a Vía Láctea no día 28, que proseguirá no 30 coa súa parte práctica a través dunha observación astronómica nocturna, á cal se sumará Pedro Pablo Campo Díaz.
A edil Patricia Lojo salientou a oferta formativa que achega este programa, o cal “o ano pasado funcionou moi ben”; mentres que a técnica municipal indicou que se segue “unha metodoloxía participativa e aberta.” Pola súa parte, o rexedor Xosé Lois Piñeiro expresou o seu agradecemento a tódalas entidades que fan posible esta actividade, da cal destacou que “tivo moi boa acollida dende o principio.”
As citas terán lugar en horario de 16.30 a 18.00 horas no Auditorio do Museo Valle-Inclán seguindo as medidas sanitarias implantadas por mor da COVID-19. A matrícula é gratuíta e disponse un límite de 25 prazas. As persoas interesadas poden formaliza-la súa inscrición ou solicitar máis información na casa da cultura Raquel Fernández Soler, co teléfono de contacto 981831545.