Lembramos que o Concello da Pobra convoca un proceso selectivo para formar unha bolsa de emprego de logopedistas
Unha vez aprobadas as bases reguladoras que rexerán o proceso selectivo para a formación dunha bolsa de emprego de logopedistas, o Concello da Pobra do Caramiñal procede a convoca-las probas selectivas mediante un concurso-oposición para a cobertura en réxime laboral temporal do posto indicado.
As persoas aspirantes deberán cumprir unha serie de requisitos referidos ó último día do prazo de presentación de instancias; entre eles, estar en posesión do título universitario oficial do grao en Logopedia ou diplomatura universitaria en Logopedia, así como ter especialización en desenvolvemento infantil e atención temperá (posgrao de 300 horas) ou, alternativamente, acreditar experiencia de cando menos un ano de traballo como logopedista, no ámbito da atención educativa, social, sanitaria ou sociosanitaria das nenas e nenos de 0 a 6 anos.
O prazo de presentación de solicitudes será de dez días hábiles contados dende o seguinte ó da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP), neste martes 9, se ben o texto íntegro das bases reguladoras das probas selectivas xa está no taboleiro de anuncios do Concello e na súa sede electrónica. As solicitudes axustaranse ó modelo normalizado que figura no anexo I, acompañadas da documentación que se indica nas bases. Toda a información detallada está á disposición nas canles xa referidas.