A Pobra acollerá un curso de primeiros auxilios
A Concellaría do Desenvolvemento Local da Pobra do Caramiñal organiza xunto coa Escola Galega de Saúde para Cidadáns un curso de primeiros auxilios dirixido a familiares de pacientes, persoas coidadoras e cidadanía en xeral. A edil Amparo Cerecedo (BNG) explicou que esta xornada se adscribe á programación deseñada para este 2021 no ámbito da aprendizaxe coa finalidade de facilita-lo acceso ao mundo laboral, ao tempo que se adquiren competencias para o día a día.
Os obxectivos desta acción formativa son adquirir coñecementos básicos sobre o manexo de situacións que requiran actuación de primeiros auxilios básicos, así como aclarar dúbidas.
As clases impartiranse no 30 de abril, en horario de 10.00 a 14.00 horas, na aula multiúsos da Casa da Mocidade e seguiranse as medidas implantadas por mor da COVID-19. As persoas interesadas dispoñen dende o día 29 de marzo ata 9 de abril para inscribirse a través do rexistro do Concello, tanto físico coma telemático, onde está á disposición o documento de solicitude. As prazas son limitadas e cubriranse pola orde de entrada. En función da demanda, valorarase repetir nun futuro. Pódese solicitar máis información mediante o teléfono de contacto 981377610.
O programa focalízase na atención inicial nas situacións de urxencia máis frecuentes tales como traumatismos, convulsións, as crises epilépticas, dificultade respiratoria, a dor torácica, queimaduras, perda de coñecemento, diabetes, reaccións alérxicas, picaduras ou reanimación cardiopulmonar básica, entre outras.