O Concello da Pobra instaura a cita previa para acceder aos servizos municipais
Ante a situación epidemiolóxica que se está atravesando no municipio da Pobra do Caramiñal, o Concello incrementará o teletraballo do persoal administrativo, establecendo quendas que reduzan o número de traballadoras e traballadores que acudan de maneira presencial cada día ao seu posto de traballo co obxectivo de que o número de contactos sexa o menor posible.
Os únicos que manterán a atención presencial sen necesidade de cita previa serán o rexistro xeral e o Departamento da Recadación. Para tódalas demais áreas será preciso concertar cita previa por vía telefónica a través do 981843280, marcando a extensión correspondente.
A Administración local pretende así reduci-lo número de contactos que se poidan producir entre o propio persoal municipal e as persoas usuarias dos distintos servizos.
Así mesmo, a biblioteca municipal, o Museo Valle-Inclán, a oficina de información turística na Casa Mariñeira e a casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler deixan de dar atención presencial ao público. Non obstante, continuarase co servizo de préstamo de libros en funcionamento, que deberá solicitarse tamén mediante cita previa.
Dende o Concello preténdese transmitir á cidadanía a mensaxe de que o cumprimento das medidas de prevención debe ser estrito e, incluso, mentres continúe a fase ascendente no número de casos, face-lo esforzo de reduci-los contactos sociais. Porén, tamén se quere achegar unha mensaxe de ánimo e tranquilidade, actuando sempre de acordo coas medidas implantadas.