Ata finais de abril para presentar reclamacións e emendas ás listas provisionais respecto ós exames de obtención dos Celga
Dende o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello da Pobra do Caramiñal, adscrito á Concellaría da Normalización Lingüística, da cal é titular o edil Xabier Santos (BNG), lémbrase que, trala publicación das listas provisionais das persoas admitidas e excluídas para realizaren os exames conducentes á obtención dos Celga (os certificados de lingua galega expedidos pola Secretaría Xeral da Política Lingüística), o prazo de presentación de reclamacións e emendas, tanto para as persoas excluídas provisionalmente coma para aquelas que non figuren en ningunha das listaxes, continúa aberto ata o día 30 de abril, inclusive.
As listas están ó dispor de tódalas persoas interesadas no Portal da Lingua Galega, a páxina web da Secretaría Xeral da Política Lingüística.
Tal e como se estabelecía nas bases reguladoras da convocatoria, a Xunta resolveu que as probas dos distintos niveis Celga terán lugar en Santiago de Compostela e en Ponferrada no transcurso dos meses de maio e/ou xuño do presente ano, sempre que a evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 o permita.
As sedes e horarios para a realización das probas publicaranse na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística xunto coas listaxes definitivas das persoas admitidas.