Catro coloquios compoñen as xornadas sobre saúde e benestar na Pobra
A Concellaría da Sanidade da Pobra do Caramiñal e a Asociación de nenas, nenos e xente nova con diabetes (Anedia) organizan unhas xornadas sobre saúde e benestar que transcorrerán ao longo do presente mes. Trátase de catro coloquios impartidos por persoal experto cunha relevante traxectoria profesional no eido sanitario. Tal e como explicou a edil da Sanidade, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), este programa configúrase coa finalidade de achegarlle á veciñanza “coñecementos que lle poidan axudar para mellora-la súa vida.”
Pola súa parte, a presidenta da Anedia, María José Rego, destacou que estas charlas abranguen diversos aspectos, dende a alimentación ao exercicio físico.
A primeira das sesións transcorrerá no 7 de maio co relatorio Compra Con-Ciencia, descifrando as etiquetas dos alimentos a cargo de Marta Sanmartín Toimil, farmacéutica e nutricionista.
No día 14 será a quenda de Mónica Rodríguez Castaño, enfermeira de pediatría no centro de saúde da Pobra, con Primeiros auxilios para nais e pais.
O ciclo continuará no 21 de maio con Exercicio físico na diabetes mellitus tipo 2, da man de Manuel Genaro Gutiérrez Fernández, médico de familia da atención primaria.
E, finalmente, Marian Rodríguez Blanco, xefa de pediatría do Hospital da Barbanza, ofrecerá E ti que podes comer? Enfermidades emerxentes, outras formas de comer, no día 28.
As sesións transcorrerán a partir das 20.00 horas no Auditorio do Museo Valle-Inclán seguindo as medidas establecidas por mor da COVID-19. As persoas interesadas en asistir poden formaliza-la súa inscrición de balde a través do teléfono de contacto 681173484.