A residencia da Pobra será obxecto dunha reforma
A conselleira da Política Social, Fabiola García, acompañada, entre outras autoridades, polo alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), a concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo (BNG), e o voceiro do PP pobrense, Manuel Durán, achegouse na tarde do día 6 de maio ata a residencia de maiores da localidade, onde anunciou que se realizará unha reforma nesta instalación de titularidade autonómica.
No exterior, en declaracións aos medios, a titular da Política Social explicou que esta intervención se focaliza en “mellora-lo funcionamento total da residencia de maiores, facilita-lo traballo de tódolos traballadores e mellora-la calidade de vida dos propios residentes.” Suporá un investimento de máis de 400 000 euros e as tarefas de acondicionamento abranguerán, segundo apuntou, o cambio de fiestras, a envolvente exterior do inmoble ou as portas do interior, entre outros aspectos.
Pola súa parte, o rexedor manifestou que se trata dunha actuación “moi necesaria” que redundará en que “a confortabilidade para os residentes sexa mellor.” Engadiu que se fará o posible, dende o Concello, para axiliza-la licenza, tendo en conta que o permiso se atopa en trámite no Servizo de Urbanismo.
Ao respecto destas obras, o director da residencia, Antón Brey, indicou que significarán “unha posta ao día imprescindible, necesaria” nunha edificación inaugurada na década dos 80.