O Concello da Pobra inicia o expediente da compra do castro da Croa de Posmarcos
Unha vez asinado na xornada do 10 de maio o convenio de colaboración co que se formaliza o Parque Arqueolóxico da Idade de Ferro, a Administración local pobrense inicia o procedemento de adquisición dos terreos sobre os cales se atopan os restos do coñecido como castro da Croa de Posmarcos; unha operación que se financiará co crédito extraordinario de 80 000 euros aprobado no pleno ordinario do día 28 de febreiro de 2019. Logo de finalizada a transacción e coas parcelas xa de titularidade pública, procederase co estudo para a execución dun proxecto que permita a protección, conservación e posta en valor deste xacemento.
Entre as razóns que motivan esta compra, ademais da rúbrica do referido acordo, atópanse o seu valor histórico e patrimonial, o compromiso na protección do patrimonio arqueolóxico ou a necesidade de estuda-lo xacemento e realizar escavacións que permitan amplia-lo coñecemento actual. Así mesmo, o dito castro forma parte do Catálogo de Bens e Edificacións Obxecto de Protección do concello e constitúe en si mesmo un recurso turístico con considerable potencial.