
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade financia 60 000 xiringas para a vacinación contra a COVID-19 en Cuba
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, ao cal se atopa adherido o Concello da Pobra do Caramiñal, informa de que acaba de asignar 5 000 euros da súa reserva de axuda humanitaria á compra de 60 000 xiringas, coas súas correspondentes agullas dun só uso, destinadas á vacinación contra a COVID-19 en Cuba. O apoio canalizarase a través da ONGD Sodepaz e da Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil.
Segundo apuntan, a Soberana 02, desenvolvida polo Instituto Finlay de Cuba, “é a vacina que se atopa nun estadio máis avanzado dos catro antídotos xerados na illa” e, nestes intres, está concluíndo na Habana a fase III de estudo clínico, na cal se administran 150 000 doses a traballadoras e traballadores da saúde de primeira liña. Posteriormente, iniciarase na capital un ensaio de intervención comunitaria para vacinar 1 700 000 persoas, no cal se empregarán as xiringas sufragadas polo Fondo Galego.
A referida adquisición realizarase no marco do contrato asinado entre o Ministerio de Saúde Pública de Cuba e a compañía chinesa Tianjin Huaxuan Import & Export. Dende o FGCS sinalan que “o embargo norteamericano impide adquirir xiringas, viais, tapóns e demais insumos nos EE. UU., que monopoliza a produción canda a China e a India.” Así, a campaña apoiada polo Movemento Estatal de Solidariedade con Cuba leva por lema Os bloqueos matan, a túa solidariedade dá vida.
A través desta iniciativa, á cal o Fondo Galego acaba de contribuír e que vai camiño de consegui-los 2 millóns de xiringas, preténdese acada-los 10 millóns de unidades a nivel europeo. Tamén se adheriron a esta intervención outras entidades de cooperación descentralizada e pode colaborar calquera persoa ou colectivo. Cada euro achegado permite realizar 12 vacinacións.