O festival Atlántica levará tres funcións a paraxes naturais da Pobra
A Pobra do Caramiñal é un dos concellos nos que se desenvolverá o festival internacional de narración oral Atlántica que espallará historias en diferentes puntos da xeografía galega.
Para o municipio pobrense concíbense tres propostas. A primeira adscríbese ao bloque dirixido a público infantil e familiar. Será no 1 de xullo, a partir das 20.30 horas, con Outra vez!, a cargo de Vero Rilo. A paraxe escolleita é a praia da Illa, na zona do piñeiral.
As outras dúas funcións están dirixidas ao público adulto. Deste xeito, no 4 de xullo, Cándido Pazó achegará Como dicía o outro. Transcorrerá a partir das 21.00 horas no Castro da Croa de Posmarcos. E no 9 de xullo será a quenda de José Luis Gutiérrez ‘Guti’ con Lobadías. O enclave establecido é A Portela, na serra do Barbanza, a partir das 21.30 horas.
As reservas son de balde e deben formalizarse a través da páxina web www.festivalatlantica.gal. As mencionadas actuacións contan co patrocinio da Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE).