Presentada a proposta de identidade corporativa para o Concello da Pobra
O goberno pobrense anunciou na xornada deste 9 de xullo a proposta de identidade corporativa para o Concello; unha cuestión que se levará ao vindeiro pleno ordinario, segundo explicou o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), quen tamén indicou que este cambio non supón a supresión do escudo municipal, pois seguirase a utilizar para cuestións oficiais.
A finalidade é facer unha imaxe corporativa moderna e funcional, adaptada aos novos tempos, como xa veñen facendo numerosas institucións, tal e como apuntou a concelleira das Relacións Institucionais, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), o cal tamén aduciron as edís do Desenvolvemento Local, Amparo Cerecedo (BNG), e a da Promoción Económica, Charo Varela (Nós Pobra). Así mesmo, búscase unificar tódalas versións distintas que se foron empregando ao longo dos anos, así como a das propias concellarías. Deste xeito, para a súa correcta implantación, creouse un manual de identidade.
O proxecto foi elaborado pola empresa local Publicolor Serigrafía. En representación da dita empresa, Ramón Regades e Breográn Alamancos detallaron que no proceso se simplificaron os elementos do escudo. Canto á tipografía, optouse pola Roboto, con formas suaves e redondeadas, e seis pesos (Black, Bold, Medium, Regular, Light e Thin), para facer que sexa adaptable e lexible en calquera tipo de soporte.
Finalmente, con relación á gama cromática escolléronse tres cores que predominan nas fotografías aéreas do municipio: o azul verdoso da natureza; o salmón, polos tellados das casas; e o amarelo, polos areais do municipio: tres tonalidades representativas do municipio. E, para diferencia-las diversas concellarías, aplícanse estas divisións cromáticas.