As futuras promesas da robótica reciben as medallas e trofeos da First Lego League Galicia
Os equipos Robot City Pobra e Robot City Pobra Junior, ambos da ANPA Bandaseca, e Mega Builder Team, de Mega Ribeira, recibiron na tarde deste 14 de xullo as súas correspondentes medallas, ademais dun trofeo e diploma por grupo, logo dos recoñecementos acadados na sétima edición da First Lego League Galicia, impulsada pola Universidade da Coruña, a cal contou coa participación dun total de 250 mozos e mozas de 34 equipos de toda Galicia que defenderon os seus correspondentes proxectos de robótica. Unha convocatoria que se tivo que celebrar seguindo o formato telemático e que contou coa colaboración do Concello da Pobra do Caramiñal para a retransmisión dos referidos equipos. O alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); a concelleira da Educación, Genoveva Hermo (Nós Pobra); e o coordinador da FLL Galicia, o profesor da UDC, José Antonio Becerra Permuy, foron os encargados de efectua-la entrega, felicitando aos rapaces e destacando a calidade dos seus traballos. No acto tamén estiveron presentes a presidenta da ANPA Bandaseca, María José Rego, e o profesor que axudou a elaborar tódalas iniciativas, Alberto Cascallar, da academia MEGA Ribeira.
O Robot City Pobra logrou o Premio Deputación da Coruña aos Valores FIRST, cun traballo sobre diabetes e actividade física. A elección desta temática motivouna o feito de que un dos integrantes ten diabetes tipo 1, e no confinamento, a falta de movemento afectou no control da enfermidade. Así, para a parte técnica deste proxecto contaron co apoio da Asociación de nenas, nenos e xente nova con diabetes (Anedia). Doutra banda, o Mega Builder Team de Ribeira fíxose co Premio Xunta de Galicia ao Emprendemento cunha proposta que anima a ser máis activos mediante incentivos en comercios e hostalaría. E o Robot City Pobra Junior levou un premio pola presentación dunha maqueta con elementos de robótica relativos ao deporte.