Continúan na Pobra as actividades dos programas Verán Cultural e Cultura no Camiño
As propostas culturais proseguen desenvolvéndose no municipio pobrense. Os espectáculos para público familiar que integran o programa do Verán Cultural teñen continuidade no 19 de agosto con O mega aniversario… co cal La Guagua quere darlle as grazas a toda a rapazada por ser todo un exemplo neste tempo marcado pola COVID-19. Transcorrerá a partir das 20.30 horas, no Cantón da Leña, e as prazas cubriranse por orde de chegada ata cubri-la cabida. Ademais, Educateatro trasladará no 21 ás rúas, a partir das 18.00 horas, o seu Paseo Xurásico: un divertido itinerante protagonizado por un xigante Tiranosauro Rex corpóreo e dúas crías de Triceratops e Velociraptor que sorprenderán tódalas persoas viandantes, acompañados dun alegre paleontólogo que interectuará con todos eles. A dita programación está organizada pola Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña.
Así mesmo, o programa Cultura no Camiño da Xunta de Galicia achegará no día 20, ás 21.00 horas, a animación de rúa Troula Animación: Funky Party no que, un par de zancudos, ao ritmo de música disco dos 80, non pararán de bailar e animar aos presentes a que se unan á súa Funky-Party móbil.