
Actividades para o Nazareno de 2021
A festividade do Nazareno ten lugar do 17 ao 20 de setembro e, ao longo destes días, desenvolveranse na Pobra do Caramiñal diversas actividades seguindo as medidas establecidas por mor da COVID-19 para garanti-la seguridade e saúde públicas, do mesmo xeito que sucederá para a xornada do domingo do Nazareno, para o cal se pon en marcha un amplo dispositivo.
Cómpre lembrar que no domingo 19 se celebrarán tres oficios na praza Alcalde Segundo Durán (ás 11.15, 12.15 e 13.15 horas) e o acceso á dita praza será mediante unha entrada con código QR. Os tíckets pódense conseguir de maneira telemática a través do enderezo electrónico nazarenopobra@gmail.com. Así mesmo, persoas voluntarias da Protección Civil realizan un repartimento presencial á entrada da novena na igrexa de Santiago do Deán, ata o día 18. De non se completa-la cabida, no propio día 19 habilitaranse dous postos: un na rúa Díaz de Rábago, fronte ás escaleiras de acceso ao adro da igrexa de Santiago do Deán, e outro nos Xardíns de Valle-Inclán, ao lado do quiosco Castillo.
Non obstante, retransmitirase en directo o oficio das 13.15 horas a través do Canal Barbanza e en ‘streaming’ pola canle do Youtube do Concello da Pobra do Caramiñal.