O caderno Barbanceses en Mauthausen presentarase na Pobra
O Auditorio do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal será escenario no 24 de setembro, a partir das 20.30 horas, da presentación do caderno n.° 7 da colección Episodios Republicanos Barbanzáns, que leva por título Barbanceses en Mauthausen. Así o deron a coñece-lo concelleiro da Memoria Histórica, Xabier Santos (BNG), e membros da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza: a presidenta, Celia García; o secretario, Xulio Axeitos; e a tesoureira, Pilar Pereiro.
O edil expuxo que se trata do segundo acto da Memoria Histórica que se desenvolve no municipio unha vez que se retomaron as actividades impulsadas polo Concello despois de que estivesen interrompidas con motivo da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19. Do mesmo xeito, o concelleiro trasladou o seu agradecemento á entidade polo labor que levan a cabo e manifestou que “terán as portas abertas para vindeiros actos.”
Pola súa parte, Celia García apuntou que os cadernos dos Episodios Republicanos Barbanzáns “teñen moi boa acollida na nosa zona porque nos acercan á nosa historia” ó versaren sobre “nomes, lugares e feitos que nos resultan próximos.” Neste senso, salientou a importancia de contribuír á súa divulgación, pois “cremos que unha sociedade democrática e madura non pode ir para adiante sen coñece-lo seu pasado.” Tamén felicitou o Concello por contar no seu organigrama cunha concellaría dedicada á Memoria Histórica.
O caderno por presentar, obra de Xoán Fernández Callón e coa portada ilustrada por Uxía Fernández Outeiral, ofrece, segundo explicou Xulio Axeitos, “un estudo minucioso arredor dos 14 barbanceses que estiveron no campo de concentración de Mauthausen.” Relátase así como acabaron alí e faise un repaso pola vida destes veciños.
As persoas interesadas en asistiren ó acto de presentación deberanse anotar no enderezo electrónico crmhbarbanza@gmail.com ou no teléfono de contacto 664081327. Tamén poderán facelo in situ no propio día do evento. Será preciso indica-lo nome, os apelidos e o teléfono de contacto. Seguiranse as medidas establecidas por mor do coronavirus.