
O Concello e a Xunta acometerán melloras no centro de saúde da Pobra
O centro de saúde da Pobra do Caramiñal será obxecto de actuacións de mellora polo valor duns 50 000 euros, que serán financiados a partes iguais polo Concello e pola Xunta: cada unha das administracións achegará o 50% do custo total.
Ata o ambulatorio desprazáronse na xornada do 25 de outubro a xerente da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Eloína Núñez; o alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); a concelleira da Sanidade, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE); e integrantes do equipo directivo sanitario: a directora de Recursos Económicos, María José López Rebollo; o director do Distrito Sanitario do Barbanza, Salvador Mariño; a subdirectora médica da Atención Primaria, Ana Turnes; e a subdirectora da Enfermaría da Atención Primaria, Montserrat Souto.
As obras neste edificio de propiedade municipal executaranse neste 2021 e procederase, nunha primeira fase, coa renovación de fiestras, a modernización da zona de lavado de mans de consultas e pintarase o interior en xeral. Así mesmo, reformarase a área de duchas e os baños dos andares 1 e 0. No que respecta ó exterior, efectuarase o encintado da fachada. Ademais, no vindeiro ano planificaranse e realizaranse novas actuacións.
A xerente da Área tamén lles comunicou ás e ós profesionais que o centro de saúde pasará a se constituír como servizo propio da Atención Primaria, polo cal será independente do de Ribeira.