
Actividade para a mocidade ó abeiro da campaña DE FRONTE á violencia de xénero neste 2021
O Concello da Pobra do Caramiñal, a través da súa Área da Igualdade, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), atópase adherido a DE FRONTE á violencia de xénero, a campaña da Deputación da Coruña polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, no 25 de novembro.
A programación configurada pola institución provincial componse, entre outras accións, dunha proposta dirixida á xuventude en formato Visual Thinking sobre o tratamento e prevención da violencia de xénero. A dita actividade está composta de tres microvídeos onde se abordan conceptos básicos arredor da violencia de xénero de maneira didáctica a través de gráficos con animación para traballar nas aulas. A primeira das pezas audiovisuais céntrase en explicar que é a violencia de xénero, as principais violencias machistas na mocidade con exemplos para identificalas e as consecuencias delas nas mulleres; a segunda focalízase nos efectos da violencia de xénero cara ós dereitos das mulleres, as consecuencias de exercela, así como os recursos necesarios para lle facer fronte dende diferentes posicións; e a terceira expón cales son as bases que sustentan as violencias machistas e as claves sobre as actitudes e comportamentos que se poden adaptar para atallalas de raíz.
Así mesmo, existe unha guía explicativa para a elaboración dunha actividade de Scape Room para seguir a traballar en igualdade e de xeito cooperativo.
Toda a información detallada está ó dispor na seguinte ligazón: https://defronte.gal/actividade-xuvenil-en-formato-visual-thinking-sobre-tratamento-e-prevencion-da-violencia-de-xenero/.