O Concello da Pobra aplica provisionalmente o sentido único de circulación entre Portocarro e A Crocha de Poñente
No 1 de febreiro entrará en vigor o sentido único de circulación na dirección Portocarro-A Crocha de Poñente. O Concello da Pobra do Caramiñal pretende con esta medida buscar a mellor solución posible ao problema de fluidez do tráfico rodado existente na rúa que une os lugares indicados por mor da estreiteza da vía. Este cambio provisional será notificado á veciñanza da zona e procederase coa colocación de sinalización circunstancial, previo informe da Policía local, segundo expuxo o concelleiro da Seguridade, José Andrés Lojo (Nós Pobra).
Neste senso, o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), indicou que se trata de mellorar o tráfico ademais da “seguridade viaria e que o tránsito peonil tamén poida estar garantizado en circunstancias de máxima seguridade.”
As veciñas e veciños disporán ata o 25 de febreiro para traslada-lo seu nivel de conformidade e observacións no cuestionario adxunto á notificación enviada, que poderá ser entregado mediante o enderezo electrónico alcaldia@apobra.gal ou presencialmente no primeiro andar da casa consistorial.
Procurarase, deste xeito, tomar unha decisión final conxunta e co maior consenso posible entre a cidadanía e a Administración local.