
Prohíbense dende o 29 de xaneiro as queimas agrícolas e forestais de particulares
Tal e como anunciou a Xunta de Galicia, ás 00.00 horas deste 29 de xaneiro de 2022 entrará en vigor a prohibición das queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares no territorio galego. Trátase dunha medida que permanecerá ata novo aviso. Exclúense desta prohibición as queimas controladas que executa o Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais debidamente planificadas e dispoñendo dos medios de extinción precisos. Polo tanto, isto implica que os permisos concedidos queden en suspenso.
Segundo informa a Administración autonómica, esta decisión adoptouse ao avaliar a evolución da situación meteorolóxica e unha vez analizados os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume, ademais de toda vez que a normativa -Decreto 105/2006, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais- prohibe as queimas cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control.
De detectarse algún lume forestal, está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085.