O Concello pobrense achega obradoiros de conciliación no Entroido
Coa finalidade de favorece-la conciliación, a Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal achega novamente uns obradoiros de cara a época do Entroido. Dirixidos a crianzas de infantil e primaria, estes talleres desenvolveranse no CEP Salustiano Rey Eiras nos días 28 de febreiro e 1 e 2 de marzo, en horario de 09.00 a 14.00 horas.
A concelleira da Igualdade, Charo Varela (Nós Pobra), destacou que “a conciliación é un servizo imprescindible, polo que se leva a cabo tódolos días non lectivos do ano.” Agradeceu, así mesmo, a colaboración do referido centro educativo por cede-las instalacións para o desenvolvemento desta actividade. Doutra banda, o coordinador dos obradoiros, Rubén López, manifestou que, ademais da compoñente conciliadora, terán un aspecto lúdico marcado pola temática do Entroido. Tamén indicou que se seguirá a normativa implantada por mor da COVID-19.
O prezo establécese nos 9 euros por nena/neno, aplicándose un desconto do 50% á segunda irmá ou irmán e será de balde para o/a terceiro/a. Para dar maiores facilidades ás familias usuarias tamén se achega o Servizo de Madruga, cuxo custo será de 3 euros pola entrada do cativo/cativa a partir das 08.00 horas, e de 4’50 euros dende as 07.30 horas; ademais da prestación de comedor, de 14.00 a 16.00 horas.
A data límite para se anotar é no 24 de febreiro, podendo realizarse este trámite nas oficinas dos Deportes do Concello, situadas na casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler, dende as 09.30 ata as 14.30 horas, ou mediante os teléfonos de contacto 981832590 e 981831545.