O Coworking pobrense dinamizarase con diversas accións
A mediados do mes de febreiro o Coworking da Pobra do Caramiñal pasou a integrarse na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo. Segundo explicou a concelleira da Promoción Económica, Charo Varela (Nós Pobra), continúanse dando pasos adiante con relación a este centro, que actualmente conta con 5 iniciativas activas, polo cal as próximas propostas que se van desenvolver fundaméntanse en tres piares: apoio na xestión por parte dunha asistencia técnica; fomenta-lo espírito emprendedor; e dinamiza-lo Coworking. Indicou que tamén se impulsará un campus de emprendemento con perspectiva de xénero (constará dun programa formativo e unha visita didáctica) e a promoción do sector primario para o aproveitamento dos excedentes agrarios en explotacións familiares de autoconsumo, o cal xa se iniciou na localidade. O custo total do proxecto ascenderá a 31 014’50 euros, dos cales a Deputación da Coruña achegará un 80% e o Concello asumirá a contía restante.
En representación de Promove, a empresa que se encargará da asistencia técnica, Fátima Rodríguez manifestou que se ofrece “un enfoque integral” das distintas actividades que se van levar a cabo. Ofrecerase un apoio ás e aos coworkers; tanto a aquelas/es que se atopan en fase de preincubación (é dicir, aquelas persoas que aínda se atopan inmersas no proceso de maduración do negocio, polo cal non están dadas de alta como autónomas) coma a aquelas persoas que xa están dadas de alta e que encaran os tres primeiros anos de consolidación no mercado. Brindaranse titorías e compartiranse e canalizaranse aquelas necesidades e propostas que presenten.
Así mesmo, poranse en marcha charlas para estimula-lo espírito emprendedor na localidade ao tempo que se promociona o espazo de traballo colaborativo, así como titorías e xornadas de portas abertas.
Pola súa parte, o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), salientou que o Coworking pobrense “é un dos primeiros que houbo en Galicia de iniciativa pública” e que xa deu os seus froitos, pois indicou que xa foron varias as empresas que se crearon no espazo colaborativo para, posteriormente, independizarse e lanzarse de cheo ao mundo da competencia empresarial. Agradeceu, ademais, á Deputación da Coruña a incorporación deste centro á rede provincial.
Creado en 2017, o Coworking pobrense consta dunha área de 143’23 metros cadrados con capacidade para acoller 10 iniciativas emprendedoras: o espazo Emprende, con cabida para 8 módulos de traballo e destinado preferentemente a persoas emprendedoras que desexen crea-la súa propia empresa, e o espazo Nómades, con 2 módulos dirixido a persoas usuarias externas que non permanezan de xeito continuado no centro.