![](https://apobra.gal/wp-content/uploads/2022/03/Inícianse-obras-polideportivo-de-Venecia-scaled-1.jpg)
Inícianse as obras no polideportivo de Venecia
Unha vez rescindido o contrato coa empresa que resultara adxudicataria das obras do polideportivo de Venecia, nesta semana iníciase a primeira parte do proxecto tal e como avanzaron o alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e a concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo (Nós Pobra). Esta primeira fase focalízase na propia estrutura da instalación deportiva. Substituirase a actual cuberta por unha nova, de chapa de aceiro, e no interior renovarase o falso teito, polo cal se efectuará a retirada dos paneis existentes e colocaranse outros novos acústicos aglomerados de viruta de madeira. Procederase tamén co reforzo e tratamento de estrutura da cuberta, polo cal se instalarán unhas chapas perforadas para facilita-la ventilación e unha rede nova horizontal para protexe-los paneis. Así mesmo, actuarase nas columnas exteriores para consolidalas, pintaranse estes piares e as vigas exteriores e repararanse fendas das paredes.
O custo total ascende a 228 617’94 euros, co IVE incluído, e o prazo de execución será de cinco meses. Ao tramitarse pola vía da emerxencia, xustificada polo risco que presentaba a estrutura, foi posible adxudicar directamente as obras sen necesidade de sacalas á licitación pública. Cando conclúa comezarase a tramita-la segunda fase, que, se for necesario, terá que se someter ao proceso de licitación ao non se atopar ao abeiro da vía de emerxencia e a cal constará do acondicionamento das bancadas e dotación de baños accesibles, entre outras cuestións.