O Concello pobrense impulsará varias accións solidarias para axuda-la poboación ucraína
O Concello da Pobra do Caramiñal seguirá as recomendacións da Coordinadora de Organizacións para o Desenvolvemento no que respecta á situación de emerxencia humanitaria na Ucraína. Por esta razón, daráselles prioridade ás achegas económicas que canalizarán a través dunha ou varias ONG, polo cal se comezará a organizar unha serie de eventos de carácter solidario, coa pretensión de que se inicien na fin de semana do día 11 ao 13 de marzo, e que poderán ter continuidade de maneira indefinida mentres se manteñan o conflito e as necesidades de axuda. Faise, polo tanto, un chamamento ao tecido asociativo e á colaboración de tódalas persoas que teñan o desexo de ofrece-las súas aptitudes de xeito desinteresado.
A maiores, a Administración local está a valora-la posibilidade de habilitar unha partida orzamentaria con fondos propios mediante unha subvención nominativa a unha organización. Procurarase tamén contribuír á acollida de persoas refuxiadas pondo á súa disposición espazos, para o cal se valora neste eido o alugueiro dunha vivenda para tal fin.
O Concello estudará tamén outras formas de axuda como a recollida e traslado de bens doados por particulares.
O goberno municipal rexeita a actual situación e condena a invasión por parte do exército ruso do territorio ucraíno, solicitando o cesamento inmediato de calquera acción de carácter bélico.