
Xornada de portas abertas do Coworking da Pobra no 10 de marzo
Baixo a premisa de contribuír a dinamizar e dar a coñece-lo Coworking da Pobra, o cal se atopa adherido á Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo, no 10 de marzo terá lugar unha xornada de portas abertas segundo indicaron a concelleira da Promoción Económica, Charo Varela (Nós Pobra),e Fátima Rodríguez, en representación de Promove, a empresa que se encarga da asistencia técnica.
Esta acción está aberta a toda a poboación en xeral e especialmente dirixida a aquelas persoas que estean a pensar en emprender. A instalación poderase visitar en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 18.30 horas. Durante esa xornada ofreceranse titorías individualizadas ás e aos coworkers actuais, poderanse solicitar citas para a asistencia técnica, resolveranse dúbidas e amosarase o centro a todas aquelas persoas interesadas.