Unha charla sobre emprendemento impartirase no Coworking pobrense
O Coworking da Pobra do Caramiñal continúase a dinamizar con diversas actividades que se organizan dende a Concellaría da Promoción Económica, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra). Se no 10 de marzo foi a quenda da xornada de portas abertas, no día 16 impartirase a charla Atréveste a emprender?, coa cal se busca fomenta-lo espírito emprendedor e incentiva-las ideas de negocio.
O coloquio ofrecerase en horario de 12.00 a 13.00 horas, no propio espazo de traballo colaborativo, da man de Fátima Rodríguez, en representación de Promove, a empresa que se encarga da asistencia técnica.
As persoas interesadas en asistir débense inscribir a través do enderezo electrónico coworkingpobra@apobra.gal ou do teléfono de contacto 981843280, marcando a extensión 2035.