A serra do Barbanza volve converterse en epicentro do trail
O Concello da Pobra do Caramiñal, a Federación Galega de Atletismo (FGA) e a Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza organizan o Trail Serra do Barbanza, que será á súa vez a IX Carreira de Montaña Concello da Pobra do Caramiñal e VII Campionato de Galicia Absoluto e das categorías sub-20, sub-23 e máster de Trail 2022, segundo deron a coñecer a concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo (Nós Pobra); o presidente e vicepresidente da FGA, Isidoro Hornillos e Iván Sanmartín, respectivamente; e o presidente da Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza, José Moure.
Tamén adiantaron que, por primeira vez, extraerase deste evento a selección que represente a Galicia no Campionato de España que terá lugar no mes de maio.
A dita cita deportiva desenvolverase no 17 de abril, a partir das 10.00 horas, coa saída e chegada no miradoiro da Curotiña. Estímase unha participación de arredor de 300 deportistas que deberán completar a distancia estipulada segundo a modalidade na que concorran. No caso do trail curto, o percorrido consta de 14 quilómetros aproximadamente, mentres que para o propio trail e VII Campionato de Galicia de Trail será arredor de 25 quilómetros. Haberá, ademais, dous puntos de avituallamento no trail curto e catro no trail.
Establécense unha serie de premios e agasallos dos cales se fará entrega a partir das 13.00 horas.
A proba adscríbese á especialidade atlética do Trail-Running e estará baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo.
Contarase coa colaboración da Protección Civil pobrense e aplicarase o protocolo establecido por mor da COVID-19.