
Incremento da acción do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade no seu vixésimo quinto aniversario
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade conmemora neste ano o seu 25 aniversario e o seu Plan de Actividades 2022 centrarase nos proxectos de cooperación internacional, a localización da Axenda 2030 e a loita contra o cambio climático. Representantes das Deputacións e dos Concellos socios, entre os que se atopa a Administración local da Pobra do Caramiñal, aprobaron por unanimidade tódolos puntos da orde do día na asemblea xeral que tivo lugar nesta mañá en Santiago de Compostela.
No encontro tamén se deu conta da memoria de 2021 e da planificación e orzamento para o actual exercicio, contía que ascende aos 486.780 euros.
Continuaranse impulsando proxectos de cooperación ao desenvolvemento na África lusófona para facilita-lo subministro de auga ou o traballo a prol dos dereitos da infancia coa Fundação Encontro en Mozambique. No que respecta á axuda humanitaria e de emerxencia, actuarase tamén en Mozambique para paliar os efectos dos últimos ciclóns e nos campamentos de persoas refuxiadas saharauís estase a reforzar o sistema de recollida de residuos.
Doutra banda, permanece aberto o prazo para que traballadores e traballadoras das administracións locais participen no novo programa de cooperación técnica Especialistas en Cooperar.
Tamén se realizarán misións políticas e técnicas para supervisar as accións financiadas, identificar outras novas e afianzar as relacións institucionais.
No ámbito da sensibilización, son de especial relevancia as actividades incluídas no convenio coa Xunta de Galicia, tales como a elaboración de plans para a implantación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) en sete municipios, o curso online sobre a localización da Axenda 2030 ou o III Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía.
Unha ducia de concellos acollerán propostas programadas coas ONGD Agareso, Solidariedade Internacional de Galicia, Amigos da Terra e Fundación Vicente Ferrer. Así mesmo, proseguen as accións do proxecto europeo People & Planet, para concienciar a mocidade sobre as consecuencias do cambio climático e que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable; así como a campaña Water of the future para promover a protección da auga.
No relativo ao eido institucional, a finais de outubro celebrarase a conmemoración dos 25 anos do Fondo e tamén está en marcha unha nova campaña de captación de entidades socias e a elaboración de protocolos que regulen o funcionamento interno da asociación.