A Pobra participa con seis prazas nos Campamentos Deportivos de Verán provinciais
Lembramos que a Concellaría dos Deportes da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra), participa no programa dos Campamentos Deportivos de Verán impulsado pola Deputación da Coruña. Desenvolverase no IES Rosalía Mera, na cidade herculina, e está dirixido a crianzas de toda a provincia con idades comprendidas entre os 9 e os 14 anos, inclusive.
Á Pobra concedéronlle seis prazas correspondentes coa quinta quenda, que transcorrerá do día 24 ao 29 de xullo para rapaces e rapazas empadroados/as no concello.
O documento de preinscrición xa está ao dispor na páxina web www.apobra.gal e deberase entregar debidamente cuberto no rexistro do Concello. O prazo de presentación estenderase do día 13 de abril ao 20 de maio.
Terá preferencia a rapazada que non tomase parte en ningunha campaña de verán previa da institución provincial. No caso de recibir máis solicitudes ca prazas concedidas, farase un sorteo público no salón de plenos do Concello e as persoas admitidas serán avisadas por teléfono para, ademais, indicárlle-la documentación que cómpre presentar para confirma-la praza. A cota de participación estipúlase nos 85 euros, contía que non se debe aboar ata que a Administración local confirme a praza.