Un total de 125 persoas participaron na XXXV Marcha Popular do Barbanza
Na xornada do 8 de maio transcorreu a XXXV Marcha Popular do Barbanza que contou coa participación de 125 persoas. Varios autobuses partiron dende o aparcadoiro situado fronte á praza de abastos da Pobra do Caramiñal para dirixirse ata as inmediacións do miradoiro da Curotiña, punto de partida da expedición organizada pola Concellaría dos Deportes, da cal é titular a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra), e a Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza coa colaboración da Protección Civil pobrense.
O traxecto comprendeu 19 quilómetros que tivo a montaña como principal protagonista durante toda a mañá, percorrendo distintos lugares da serra coma, por exemplo, o miradoiro de Torre de Inxerto. Xa pola tarde, a camiñata dirixiuse ao bordo litoral, con meta nos castros de Baroña, onde as persoas asistentes recibiron unha charla sobre a historia deste poboado celta.
O servizo de autobús habilitouse tamén para a volta.