
A Pobra puxo en valor o emprendemento feminino cun campus
Mulleres emprendedoras e empresarias participaron nesta fin de semana no campus de emprendemento con perspectiva de xénero impulsado pola Concellaría da Promoción Económica da Pobra do Caramiñal e que tamén contou coa presenza da edil titular desta área, Charo Varela (Nós Pobra).
A iniciativa comezou no día 3 cunha xuntanza no Coworking como punto de encontro entre as participantes, ademais da impartición dunha sesión teórica na cal se expuxo o proceso de emprendemento cunha contextualización previa sociocultural do papel que ocupaban as mulleres anos atrás, relegadas ao rol reprodutivo, mentres que os homes desempeñaban o rol produtivo.
Na xornada seguinte, sábado 4, desenvolveuse o traballo de campo coa visita a tres empresas de diversa índole, lideradas por mulleres e que están radicadas na comarca.
A primeira parada foi a conserveira Alma Galega, na parroquia de Castiñeiras, en Ribeira. As xerentes Ana e Marta explicaron que, actualmente, xa exportan a países como a Alemaña ou a Bélxica dende a posta en marcha do seu negocio en 2020. Especializadas na conserva artesá, onde os produtos do mar son a estrela, diversificaron a súa oferta e no seu catálogo tamén figura a venda de castañas asadas, mel ou marmeladas, entre outros.
Deseguido puideron visita-lo obradoiro cerámico rural Raposiñas, situado no lugar da Lomba, na Pobra do Caramiñal. Da man de Loaira, coñeceron tódalas fases polas cales se pasa ata consegui-las pezas definitivas que contan coa distinción de Artesanía de Galicia: dende o deseño e a modelaxe ata a esmaltaxe producida por ela mesma.
E, finalmente, as asistentes desfrutaron dun xantar no restaurante Sisal, que se atopa na planta superior do mercado municipal pobrense, en pleno núcleo urbano. Trala comida, recibiron a visita de Nora e Elena, de En las Nubes, un estudio con sede en Boiro, que se encargou da decoración do referido local hostaleiro. Iniciaron o seu proxecto mediante unha páxina web e, co paso do tempo, foi medrando, ata decidiren coller un espazo físico, onde tamén venden papel pintado, teas, iluminación e mobiliario a pequena escala.
Cofinanciado pola Deputación da Coruña, a finalidade deste campus foi crear redes entre as asistentes e empresarias. Ademais, as emprendedoras teñen a oportunidade de recibir titorías para traballa-lo seu perfil, analiza-las ideas de negocio e mesmo solicitar espazo no Coworking para traballar sobre o seu plan de empresa e a súa viabilidade.