A Pobra convida a pedalear no 12 de xuño
A Festa da Bici chega á Pobra do Caramiñal no 12 de xuño para coñece-la vila dunha maneira lúdica, non competitiva e aberta a todo o mundo.
Organizada pola Concellaría dos Deportes, xunto con entidades colaboradoras, a cita contará cunha vertente solidaria mediante a achega dun quilogramo de alimentos non perecedoiros no momento da inscrición que se efectuará na praza Alcalde Segundo Durán a partir das 10.15 horas, onde se establece o lugar de saída e meta.
A concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo (Nós Pobra), e a técnica municipal desta área, Ana Romero, explican que o sinal de saída será ás 11.00 horas, para logo completar unha distancia de aproximadamente 12’4 quilómetros, durante os cales se transitará por distintos espazos do centro e do rural, cunha parada de avituallamento en Cabío. Para as crianzas menores de 8 anos haberá un percorrido de 1’5 quilómetros polo núcleo urbano e contarase cunha xincana e un inchable no parque do Castelo.
Ademais, na xornada procederase co sorteo dunha bicicleta e outros agasallos.