O municipio pobrense prepárase para o cuadrangular comarcal de pádel
As persoas afeccionadas ao pádel teñen unha cita nos días 9 e 10 de xullo co cuadrangular comarcal no cal catro equipos que representan os concellos de Barbanza Arousa buscarán alzarse coa vitoria nunha competición que se disputará nas instalacións de Máisquepadel, que ademais é a entidade organizadora deste evento que conta coa colaboración da Concellaría dos Deportes da Pobra do Caramiñal.
Deron conta dos detalles a edil dos Deportes, Genoveva Hermo (Nós Pobra); a técnica municipal desta área, Ana Romero; e Andrés Domínguez, en representación do organismo impulsor.
Cada equipo constará de dez persoas xogadoras seleccionadas polo capitán representante de cada municipio: A Pobra (Manel Vilasó Santamaría), Ribeira (Sergio Pérez Pérez), Boiro (Guillermo Romero) e Rianxo (Francisco Lorenzo Lorenzo). O formato que se vai seguir será o de xogos rápidos e cada enfrontamento entre concellos resolverase en cinco partidos.
A xornada do sábado 9 arrancará co primeiro enfrontamento a partir das 10.00 horas, mentres que o segundo será dende as 17.00 horas. A final disputarase no domingo 10, das 10.00 horas en diante, do cal sairá o gañador, a quen se lle entregarán dez trofeos, un por xogador/a do equipo.