Adíase a viaxe en catamarán a Cíes con saída dende A Pobra por mor da mala previsión meteorolóxica
A mala previsión meteorolóxica para o 19 de xuño motivou que se tomase a decisión de adia-la viaxe a Cíes que ía se-lo inicio das rutas en catamarán con saída dende A Pobra do Caramiñal para a actual tempada estival. A nova data elixida é a xornada do 26, ao día seguinte da visita Starlight a Sálvora, no 25 de xuño.
Xa no mes de xullo terá lugar a excursión a Ons, no día 10, e regresarase a Sálvora, no día 17. Ademais, navegarase pola Ruta Xacobea do Mar da Arousa e río Ulla, no Día de Galicia, 25 de xullo.
As viaxes proseguirán no mes de agosto coa volta a Ons e Sálvora, nos días 14 e 28 respectivamente. E, finalmente, concluirán no 11 de setembro co retorno ás Cíes.
Todas estas travesías adscríbense á oferta de turismo náutico que impulsa a Concellaría do Turismo, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), xunto coa empresa Piratas de Nabia.
As reservas débense formalizar con antelación a través da páxina web www.piratasdenabia.com ou do teléfono de contacto 986320048. Habilítanse tamén tres canles para a resolución de dúbidas: www.apobra.gal/turismo, 671090262 e 687482835. A empresa xestionará directamente a tramitación das autorizacións de entrada ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas.