O Mascato volverá a navega-las augas da ría da Arousa con saída dende A Pobra
A Pobra do Caramiñal contará novamente con viaxes en veleiro entre as actividades de lecer deseñadas para a tempada estival, afianzando así a súa aposta polo turismo náutico por parte da Concellaría do Turismo.
O Mascato navegará un ano máis as augas da ría da Arousa para ofrecerlles ás persoas participantes unha maneira diferente de coñece-lo patrimonio medioambiental, marítimo e paisaxístico costeiro tal e como anunciaron a edil do Turismo, Charo Varela (Nós Pobra); a técnica municipal desta área, Ángeles Tubío; e Fernando Redondo, en representación da empresa Arousa Náutica.
As saídas efectuaranse nos sábados e domingos dos vindeiros dous meses: días 16, 17, 23, 24, 30 e 31 de xullo; e 6, 7, 13, 14, 20 e 21 de agosto. A duración do traxecto é dunha hora e media e as travesías serán en quenda de mañá e de tarde: ás 11.00, 13.00, 17.00 e 19.00 horas.
O importe a pagar é de 15 euros para persoas adultas e de 10 euros para menores de 12 anos, con desconto para as familias.
A cabida está limitada a 10 prazas, que se deberán reservar previamente no punto de información turística -situado na Casa Mariñeira-, no enderezo electrónico turismo@apobra.gal ou nos teléfonos de contacto 671090262 e 687482835.