A novela Herederos de Caín reflexiona sobre a sociedade actual cunha historia de ficción trepidante
Daniel Casteldom presentou no 15 de xullo a súa primeira obra: Herederos de Caín; unha novela de ficción que trata de satiriza-la sociedade na cal vivimos a través duns personaxes que entran no narcotráfico galego e sofren todo tipo de adversidades froito das súas accións. Trátase, polo tanto, dunha historia repleta de intriga e dinamismo, con algunha pincelada de humor.
A concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), quen participou no acto que se desenvolveu no Auditorio do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, aludiu á valentía do escritor por aventurarse cun relato destas características, pois fixo fincapé en que a cultura constitúe un vehículo de expresión para abordar temas que non son fáciles nin cómodos. Nesta liña, referiuse a que a cultura ten unha función divulgativa, pedagóxica e reivindicativa.
A edil puxo en valor a necesidade de apostar polos escritores noveles para axudarlles a consolidarse no panorama literario. De feito, Casteldom xa se atopa inmerso na súa segunda novela, polo que non tardará en volver a pisa-la sala para un novo evento desta índole.