
A segunda edición do concurso Galeguizando TikTok repartirá lotes de produtos culturais galegos

No acto de presentación das propostas polo Día da Patria Galega que tivo lugar a medidados de xullo.
A Concellaría da Normalización Lingüística da Pobra do Caramiñal lanza a segunda edición do concurso Galeguizando TikTok como unha das actividades coas que festexa-lo 25 de xullo, Día da Patria Galega.
O edil Xabier Santos (BNG) explica que se volve apostar por este certame para así fomenta-lo uso do galego nas novas tecnoloxías e chegar á xente moza dunha maneira lúdica. Os vídeos deberán estar en galego, ter como temática o Día da Patria Galega e segui-lo formato da app TikTok. As persoas participantes, que deben ter trece anos ou máis, deberán anotarse e face-la entrega do vídeo mediante o enderezo electrónico normalizacion.linguistica@apobra.gal. Os premios serán un lote de produtos culturais galegos e establécense un total de 3 distincións valoradas en 100 euros cada unha: ao máis orixinal, ao máis divertido e ao máis creativo.
A data límite para a inscrición estipúlase no día 5 de agosto, e unha vez formalizada a mesma, outorgaráselle a cada persoa un código de identificación para pór na súa gravación. O envío das pezas farase antes de rematar o día 15 de agosto. As bases completas están ó dispor en www.apobra.gal.
A maiores, o Concello atópase inmerso no repartimento de bandeiras galegas. A cidadanía que desexe conseguir unha, pode solicitala no propio consistorio. Outra das propostas impulsadas ao abeiro desta programación foi a presentación de O libro negro da lingua galega, de Carlos Callón, que tivo lugar no 18 de xullo.