A Protección Civil da Pobra dará o pregón do Nazareno
As festas do Nazareno arrancarán na Pobra do Caramiñal no 16 de setembro, ás 21.00 horas, co pregón dende o balcón da casa consistorial. O alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), anunciaron que neste ano se decantaron polas persoas voluntarias da Protección Civil pobrense polo traballo “encomiable e necesario” que realizan dende a fundación do equipo.
Con esta decisión búscase recoñece-lo labor que desenvolven ao colaboraren nos numerosos eventos que organiza a Administración local, na recollida de animais abandonados ou na atención de accidentes e inundacións. O esforzo tamén se intensificou durante a pandemia, co repartimento de alimentos ou a desinfección de espazos, entre outras tarefas que levaron a cabo.
O rexedor fixo fincapé na súa intervención durante os incendios, pois “a súa actuación foi tremenda e se non fose pola agrupación igual teriamos que falar de maiores danos materiais.” Sinalou así que o Concello destina 6000 euros anuais para a adquisición do material que precisan nos seus operativos, porque “queremos unha agrupación de voluntariado forte e cada vez mellor preparada e máis dotada para que cumpra con tódolos seus obxectivos.”
A edil apuntou o simbolismo que terá este pregón, xa que ao longo do confinamento a cidadanía saíu ás fiestras para aplaudi-lo persoal sanitario, os corpos e forzas de seguridade e o voluntariado, e agora será o equipo o que saia ao balcón do consistorio para recibi-lo agradecemento da sociedade dende a rúa.