Ana Lojo Chan presentou na Pobra o seu libro Marea Morta
Unha moza que reside en Edimburgo e chega a un pobo de Galicia para pasar unhas semanas cuns familiares dos que xa levaba anos afastada. Este é o punto de partida de Marea Morta, o libro de Ana Lojo Chan que se presentou na tarde do 23 de setembro no Auditorio do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal. Un acto que tamén contou coa participación da concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), e de Mariano Muñiz.
No transcurso do relato, o/a lector/a será testemuña de como a protagonista descubre a importancia da amizade, a ilusión dun primeiro amor e o valor da tradición galega. A súa curiosidade motivará que se destapen misterios ata converte-la estadía no seu mellor verán.
A edil sinalou que esta obra é o perfecto exemplo de cando se xuntan educación e cultura, pois a autora, quen é mestra, comezou escribindo contos para o seu alumnado. Unha afección que se foi fortalecendo ata que derivou en proxectos máis ambiciosos. Así mesmo, declarou que as creacións literarias tamén versan sobre a persoa detrás desas palabras, algo que se pon de manifesto na novela de Ana Lojo Chan, quen viviu unha tempada en Edimburgo, precisamente a cidade que habita a súa protagonista.