
A formación sobre a horta ecolóxica impártese na Pobra con preto dunha vintena de asistentes
Case unha vintena de persoas participan nas xornadas formativas sobre a iniciación á horta ecolóxica organizadas pola Concellaría da Promoción Económica da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), ao abeiro do proxecto de aproveitamento de excedentes agrarios.
Impartidas por un integrante do colectivo Sachos á Rúa, as sesións desenvólvense durante esta semana e a próxima (10 e 11 de outubro). Aínda quedan algunhas prazas libres para os derradeiros días, polo cal a xente interesada en sumarse tan só ten que chamar ao 981843280, marcando a extensión 2035, ou enviar unha mensaxe ao enderezo electrónico promocion.economica@apobra.gal.
O temario abrangue dende as tipoloxías de solo ás planificacións de cultivos; nocións básicas que se complementarán coa práctica no terreo.
A referida iniciativa da Administración local ten como obxectivos a posta en valor da produción agrícola das pequenas explotacións do concello; fomenta-lo consumo de alimentos de calidade e de proximidade (quilómetro 0); xerar actividade económica a partir dos produtos de tempada; dinamiza-lo comercio local, neste caso, a través dunha plataforma dixital; fomenta-la actividade agraria; e promover un estilo de vida saudable e sostible.