O curso de monitorado de ocio e tempo libre afiánzase na Pobra coa terceira edición
O Concello da Pobra do Caramiñal impulsa a terceira edición do curso de monitorado de ocio e tempo libre. A súa superación posibilitará acceder á formación de acompañante de transporte escolar e manipulación de alimentos.
A concelleira do Desenvolvemento Local, Amparo Cerecedo (BNG), xunto co axente de emprego e desenvolvemento local, Luís Miguel Domínguez, e coa orientadora laboral do Concello, Blanca Álvarez, explica que se volve apostar por esta formación debido á alta participación nas anteriores convocatorias, tanto de veciñanza da localidade coma do resto da comarca. Ofértase así unha saída profesional ou unha forma de reorientarse laboralmente.
O curso consta dun total de 350 horas lectivas, con parte teórica e práctica, na categoría semipresencial. As clases impartiranse do día 12 de novembro ao día 15 de abril nos sábados, en horario de 09.00 a 17.15 horas, na Casa da Mocidade, agás nas fins de semana de Noiteboa e Noitevella, ademais do mes de xaneiro. A pretensión con estas novas datas é facilita-lo acceso para a mocidade, principal demandante desta acción, que compatibiliza con outros estudos, sobre todo, universitarios.
A tarifa xeral é de 200 euros por alumna/o maila taxa de expedición do título e establécese unha serie de bonificacións acumulativas de 50 euros por distintas circunstancias: situación de desemprego, matrícula nunha titulación oficial, posesión do certificado de discapacidade, situación de risco ou exclusión social e realización do período de prácticas en actividades municipais. En función das particularidades de cada persoa, incluso, poderá saír de balde.
As persoas aspirantes deberán reunir unha serie de requisitos mínimos e as solicitudes de participación presentaranse no rexistro do Concello, tanto físico coma telemático. Tamén se deberá achegar unha copia do DNI, do pasaporte ou do documento de identificación equivalente e acreditativo da nacionalidade da persoa aspirante; o título de graduada/o na ESO, o de graduado/a escolar ou equivalente; o xustificante de pagamento do curso; e a documentación precisa para xustifica-lo acceso a cada unha das bonificacións.
O prazo para se anotar esténdese dende o día 18 ao día 24 de outubro, ambos inclusive. Estipúlase un máximo de 20 prazas que se cubrirán pola orde de entrada. Máis información no teléfono de contacto 981377610.