A Atención Temperá galega pon o foco no seu pasado, presente e futuro cunha gala na Pobra polo seu 25 aniversario
Vinte e cinco anos de traxectoria dan para moito e a Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT) quere conmemorar este aniversario cun acto organizado coa colaboración do CAD.
Esta xornada festiva realizarase no 26 de novembro e terá como epicentro o teatro cine Elma, a partir das 11.00 horas. A inauguración correrá a cargo do alcalde da Pobra, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); o director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón; e o presidente da AGAT, Xaime Ponte.
Dividirase en distintos apartados a través dos cales lembrar como xurdiu esta iniciativa en 1997, imaxinar novos proxectos cara ao futuro da Rede Galega de Atención Temperá e celebrar un cuarto de século ao servizo da cidadanía galega.
Intervirán as responsables dos Servizos de Atención Temperá de distintos concellos para explica-la dinámica e experiencia de cada un dos centros, ademais de contar con actuacións do grupo do CAD pobrense e a proxección dun vídeo. Ofrecerase así unha panorámica da evolución da Rede, dende o ano da súa fundación ata a actualidade.
Tamén haberá un xantar no restaurante Sisal para estreitar lazos e intercambiar impresións.
O acceso ao Elma é libre ata completa-la cabida.