
O Concello e Moura suman forzas nun festival solidario a favor dos animais
A Pobra do Caramiñal recadará fondos cos cales contribuír á defensa dos animais nun festival solidario organizado pola Protectora Moura coa colaboración da Administración local.
O evento realizarase no 17 de decembro, ás 21.30 horas, no toldo da praza Alcalde Segundo Durán, onde haberá música en directo. Os/as artistas convidados son Pito de Pikasso, Os Bar Ban Sónicos e La Duendeneta. Haberá tamén tapas, bebidas, sorteos e repartirase material divulgativo das campañas realizadas conxuntamente co Concello para a sensibilización da cidadanía sobre o benestar animal.
A concelleira do Benestar Animal, Estefanía Ramos (Nós Pobra), reitera o apoio da Administración local ao tecido asociativo do municipio e ás iniciativas que presentan. En concreto, para esta cita, cederá mobiliario, o palco e a mesa de son e luces. Tamén enxalza o labor desta protectora coa cal se traballa diariamente.
Froito deste empeño, neste ano acadáronse as 200 adopcións, tal e como apunta a tesoureira de Moura, Natalia Brión, quen engade que a acción se focaliza no ámbito comarcal, se ben ás veces tamén se colabora con outras entidades do panorama galego cando se require. Así mesmo, traslada o seu agradecemento ás empresas patrocinadoras e ás bandas que ofrecerán os concertos de xeito altruísta.
En representación dos grupos que actuarán, Manel Casal, de Os Bar Ban Sónicos, anima a veciñanza a se achegar ata este festival para apoia-lo esforzo desta protectora.
A entrada é libre ata completa-la cabida. Os donativos do público destinaranse para que a protectora poida sufraga-los gastos veterinarios e de alimentación dos animais aos cales presta asistencia. Habilítase tamén unha fila 0 para aquelas persoas que non poidan asistir, pero desexen igualmente face-la súa achega.