Música e gastronomía na ofrenda cívica pobrense a Rosalía
A Pobra do Caramiñal conmemorou un ano máis o Día de Rosalía de Castro no 23 de febreiro, data do seu nacemento en 1837. Por tal motivo, desenvolveuse a tradicional ofrenda cívica na praza que leva o nome da escritora, na cal se congregaron veciñanza e membros da corporación municipal.
O grupo de música tradicional Trécola amenizou un acto no cal tamén interveu o alumnado no CEP Pilar Maestú Sierra para interpreta-lo poema Adiós ríos, adiós fontes.
Antes de proceder coa colocación do arranxo floral a carón da fonte, a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), enxalzou todo canto representa Rosalía para a cultura galega e tamén fixo alusión ao significativo que resulta o poema Miña casiña, meu lar, no cal unha muller pobre, que vén de Santiago a Padrón e chega á casa mollada e esfameada, consegue facer un humilde caldo de groria e un bolo do pote para se alimentar. Con esta explicación convidou tódalas persoas asistentes a degustaren unhas cuncas do pote para desfrutaren da nosa gastronomía e quece-lo corpo.
As outras accións que impulsa a Administración local pobrense focalízanse nas crianzas: lánzase novamente o xogo-concurso As Sete Rosalías, que consiste en atopar varias siluetas recortadas coa forma de Galicia que conteñen no seu interior o rostro de Rosalía acompañado de versos seus. Estas pezas estarán expostas nos escaparates dunha trintena de establecementos da localidade no período comprendido entre o día 24 de febreiro e o 3 de marzo. O desafío reside en busca-las 7 versións diferentes da imaxe que ilustra o cartel. Unha vez atopadas, será preciso anotar no folleto cal é esa diferenza e en que instalación se sitúa. Poden participar todos aqueles nenos e nenas pobrenses con idades comprendidas entre os 6 e 12 anos que conten cun dos impresos repartidos nos colexios Salustiano Rey Eiras e Pilar Maestú Sierra. De lograren supera-lo reto, deben entrega-los impresos debidamente cubertos cos datos requiridos nos centros de ensino xa mencionados. Sortearanse 50 lotes de agasallos entre tódolos cativos e cativas acertantes, no 7 de marzo.
A maiores, repartiranse puzzles cun debuxo de Rosalía para colorear por parte dos centros de ensinanza da infantil.